Monday 20 de May de 2024

O Proxecto INclúe, no que colabora a consellería de Política Social, recolle os parabéns da Unión Europea, outras administracións e entidades sociais


É o primeiro proxecto galego seleccionado para ser exposto na Conferencia Europea de Servizos Sociais de La Haya (Países Baixos)

O “Proxecto INclúe: innovación para a inclusión social”, desenvolto pola entidade Emaús Fundación Social, en asociación coa Dirección Xeral de Inclusión Social da Consellería de Política Social, la entidad EOSA e outras que traballan pola inclusión social en Galicia, está a recibir os parabéns de todos os axentes do tecido social. A iniciativa consiste na aplicación da I+D+i no ámbito da inclusión social en Galicia e, en especial, no desenvolvemento do coñecemento para contribuír a unha maior efectividade dos servizos e actuacións que tratan de promover a inclusión social. Este proxecto innovador aposta pola inclusión como unha cuestión transversal, que debe ser tomada en consideración en todas as estratexias, incorporando as recomendacións da Unión Europea. O Proxecto INclúe foi aprobado o pasado 19 de maio na reunión semanal do Consello da Xunta.

A importancia deste proxecto reflíctese na súa selección para ser exposto na Conferencia Europea de Servizos Sociais de La Haya (Países Baixos). De feito, é a primeira vez que un proxecto galego é seleccionado para a súa mostra neste evento de alto nivel en servizos sociais.

Ademais, esta ferramenta pioneira conta xa con múltiples referencias e atópase altamente valorada por todas as entidades sociais e traballadores dos servizos sociais comunitarios en Galicia.

Proxecto INclúe
O proxecto busca desenvolver un modelo de atención innovador para as persoas que se atopan en risco ou en situación de exclusión, a partir das aprendizaxes derivadas da experiencia e da práctica das diferentes organizacións participantes, todas elas cunha ampla traxectoria no eido da inclusión social. O desenvolvemento do proxecto posibilita a realización dunha valoración obxectiva e homoxénea das eventuais situacións de exclusión que afectan á cidadanía. Estas valoracións conseguiranse nun marco de colaboración interinstitucional, cun alto grao de participación e compromiso por parte das entidades sociais e colaboradoras.

O proxecto permite construír de maneira compartida a definición conceptual do modelo Inclúe, que se reflicte en tres resultados intelectuais do proxecto entre os que se atopa o documento de definición do propio “Modelo INclúe”, como aposta metodolóxica e conceptual por unha atención de calidade no ámbito da inclusión social. Outro deses resultados é o “Manual INclúe”, como instrumento de apoio para a aplicación deste novo enfoque metodolóxico e conceptual na atención a persoas en situación de exclusión social. Trátase dun manual que achega orientacións prácticas para a implementación do modelo INclúe. Así mesmo, estes resultados abranguen a “ferramenta tecnolóxica INclúe” para facilitar a valoración técnica das situacións de exclusión social con criterios homoxéneos e que sexan susceptibles de ser aplicados polas entidades públicas e privadas que traballan en prol da inclusión social en Galicia. Esta ferramenta permite valorar con criterios obxectivos o grao de exclusión social no que se poida chegar a atopar unha persoa.

O prazo de execución do contrato será de dez meses dende a súa sinatura e a Consellería de Política Social achegará a este fin un total de 56.000 euros, dos que 33.600 euros corresponden a 6 meses do ano 2016 e 22.400 euros para catro meses do ano 2017. Ata o momento, o proxecto INclúe fora financiado integramente polo Mecanismo Financeiro do Espazo Económico Europeo e a Xunta viña participando nel como socio de carácter público mediante a contribución do seu persoal técnico de servizos sociais.

O proxecto INclúe enmárcase na Estratexia de Inclusión Social de Galicia 2014-2020 que constitúe un novo e reforzado marco integrado de intervencións orientadas a responder de xeito efectivo e coordinado ás situacións persoais e familiares de vulnerabilidade, pobreza e exclusión social, e procurar os apoios precisos para que as persoas destinatarias acaden a súa inclusión social e laboral.

Os fundamentos desta estratexia revelan a idoneidade de introducir novas cuestións na abordaxe da pobreza e a exclusión social en Galicia. Así, ademais das xa comprendidas nas anteriores políticas nesta materia, engádense outras, como a presente, orientadas a aumentar o coñecemento sobre a inclusión social no país, co fin de mellorar a planificación e execución das diferentes políticas sectoriais.